Thursday 09 de May de 2024

Alternativa denuncia a reducida oferta de prazas para os cursos preparatorios do CELGA na comarca da Coruña


Na comarca da Coruña só se oferta un curso do Celga 4 na primeira quenda e un do Celga 2 na segunda, malia a elevada demanda que hai e coa poboación que abrangue esta zona.

Ata 2015 había cursos nos concellos con máis poboación da comarca, pero cada ano son menos os cursos e hoxe en día só as escolas oficiais de idiomas se encargan de impartilos e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que dá prioridade aos cursos en liña, este ano tamén tivo só dous cursos preparatorios do Celga 4 presenciais na Coruña.

Case 2.000 persoas solicitaron presentarse ás probas Celga en Santiago este ano e os cursos son insuficientes para esta demanda. Hai moitas persoas interesadas en realizar estes cursos e moitas delas teñen que optar por ir a unha academia porque non entran nos cursos ou non teñen posibilidade de desprazarse ata as escolas de idiomas.

O Estatuto de Autonomía establece que os poderes públicos de Galicia deberán garantir o uso normal e oficial do idioma e potenciar o seu emprego e en concreto correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades organizar cursos de lingua galega.
O prazo para matricularse nestes cursos está aberto desde hoxe ata o 14 de xullo. As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario habilitado na páxina da escola oficial de idiomas www.eoidigital.com/preinslinguagalega.